Presentación do documental «Un anaco de ceo». O próximo día 21 de Setembro terá lugar no auditorio Nova Galicia Banco de Vigo (20:00h, entrada 5€) a presentación do documental realizado por Luís García Verdú «Un anaco de ceo». Tamén se presentará o día 23 no Auditorio Municipal de Cangas (20:00h, entrada 5€).
Estaba con Babaji (Baba Shivananda) en Benarés, sentado nas escaleiras principais fronte ao Ganges, conversando sobre a gravación da escola María Soliña en Puri.
Babaji sinalou cara ao ceo e preguntoume “Que ves alí?” E eu díxenlle “O ceo”. Nese momento colleu un papel e escribiu en inglés “A piece of heaven” e díxome: Así se vai chamar, “Un anaco de ceo”.
Empecei a desenvolver a idea do documental partindo dos tres impulsores da escola: Babaji, Neneta e Umesh, codirector da escola que vive en Puri. A idea era chegar á montaxe con moito material para ter a opción de tomar diversos camiños.
Gravei primeiramente a Neneta na súa casa para continuar máis tarde nun mercadillo de Cangas, onde recadaba fondos para a escola.
Estiven a gravar na escola as actividades de nenos e nenas, as clases, a comida, os xogos, as excursións. Tamén o fixen con Umesh na súa oficina de Puri. Volvín a Benarés e gravei a Babaji.
Transcorrido case un ano entre gravacións e montaxe, por fin o traballo estaba terminado.
Estreouse no Auditorio Nova Galicia Banco de Vigo, uns días despois proxectouse no Auditorio Municipal de Cangas, máis tarde estreouse tamén en Torino, Italia.
O traballo e o esforzo empregados foron para min unha verdadeira recompensa. Son moi feliz de que o traballo servise para que a escola María Soliña en Puri sexa agora máis grande.