O SEGUNDO FOGAR
A escola
Ademais dun lugar de estudo, na escola convive unha gran familia apoiándose entre si.
O terreo ten unha superficie de 6’800 m2. O edificio principal consta de sete aulas e unha sala-dormitorio para visitantes. No lateral esquerdo están os aseos e no dereito a cociña. A continuación da cociña, nun segundo edificio, sitúanse un taller de costura, dúas salas de profesorado e as tres aulas restantes para completar os dez graos de estudo. Ambos edificios principais constan de dúas plantas e amplos porches cubertos, onde alumnos e alumnas ademáis de comer realizan múltiples actividades a resgardo do sol ou da choiva dependendo da época do ano. A continuación, hai un salón multiusos que se utiliza como dormitorio para 160 nenos. As nenas dormen nun edificio illado do conxunto principal que chamamos ‘casa flor’, formada por cinco casiñas de cores que dan a un patio con maior intimidade.
Diante da escola hai unha gran esplanada con árbores e xardíns onde nenos e nenas xogan.Na parte posterior do edificio principal hai outro espazo para xogos de pelota.
A auga para beber e cociñar se purifica nunha pequena planta de ósmosis inversa, e as augas residuais trátanse nunha fosa séptica mellorada con evacuación por evapotranspiración.
Todas as construcións fixéronse seguindo os estándares indios, costumes locais, e deseño pasivo para mellorar o confort interior, como por exemplo sistemas de ventilación cruzada en cada espazo e orientación dos edificios.
O FUTURO
O alumnado
Sentimos orgullo de que o noso alumnado consiga as notas máis brillantes.
Actualmente cursan estudos en María Soliña 282 escolares. O curso académico en Odisha comeza normalmente en xuño e finaliza en maio, as datas adoitan variar dependendo das condicións climatolóxicas.
A maior parte do alumnado vive na escola, onde dormen e reciben comida 3 veces ao día. Os uniformes confecciónaos Suresh, profesor e xastre no taller de costura escolar.
A educación impartida é a básica, que consta de 7 cursos e “high school” (cursos 8,9 e10). A escolaridade impártese en lingua oria. Desde primeiro curso ensínase inglés, e a partir de quinto, hindi e sánscrito. As outras materias son, matemáticas, xeometría, xeografía, historia, lingua e ciencias. Os contidos das materias axústanse aos libros e apuntamentos do goberno.
Shangaindia sentese orgullosa de que os seus estudantes de décimo curso logren, habitualmente, as notas máis brillantes cando se examinan xunto con outras escolas do goberno. Os cursos anteriores avalíanse na propia escola.
Ao concluír décimo curso, o último de permanencia na escola, prémiase ao alumnado cunha excursión de tres días a Calcuta, experiencia inesquecible! Logo, chega a despedida, momento especialmente emotivo.
Comeza unha nova etapa nas súas vidas. A maioría continúa estudando e, previamente ao ingreso na universidade, necesitan dous anos no “College”. Ao pertencer a familias desfavorecidas reciben axuda do estado a partir de décimo curso para college e universidade. Unha parte do alumnado opta por un curso para recepcionista de hotel, poucos meses de formación e rápida incorporación ao mundo laboral.
EQUIPO HUMANO
O persoal
Con paixón e entrega, o noso persoal transforma vidas a través da educación.
A escola conta con 28 empregados-as entre profesorado, persoal de cociña, peóns, vixiante nocturno, condutor e contable.
Son 9 profesoras e 6 profesores que se reparten entre o ensino básico e a High school. Dous quedan polas tardes para axudar cos deberes e dormen na escola. Os domingos, 2 profesores de música e baile imparten clases, voluntarias para o alumnado. Tamén son voluntarias as de costura, impartidas polo xastre, á vez que confecciona uniformes e vestidos. Umésh é o coordinador e responsable da escola, xunto con Prakash.