Por fin! onte abrimos as portas para instalar ás nenas no que vai ser o seu fogar os vindeiros anos.

Algúns amigos e amigas xa coñecedes todo o proceso, ao resto vou explicarvos o motivo e como foi posible realizar este proxecto.
Hai 3 anos, recen acabada a construción da sala multiusos e dormitorio para nenos, pensamos que a única obra por facer sería finalizar o peche da escola. Pouco despois tivemos unha inspección do goberno da India e comunicáronnos que todo estaba ben, agás que seguindo a súa normativa, as alumnas da High-school (cursos 8-9-10), tiñan que durmir en recinto separado dos alumnos.

Que facer? cancelar a High-school? mandar para casa aos nenos? ás nenas?. A nosa ONG non ten recursos, as cotas apenas alcanzan para pagar os gastos mensuais.

Entón, «espera un milagre», unha familia de Vigo, que axudara noutras ocasións, ofreceunos financiar parte do proxecto.

Xavier, como sempre que o necesitamos, veu á escola e deseñou este precioso Fogar mentres vía xogar aos nenos e ás nenas. Consiste nunha planta hexagonal, formada por 5 casiñas e unha ringleira de aseos con capacidade para 18 nenas por casa. Comentou que quedaría bonita pintada coas cores do arco da vella e a Umesh e a min encantounos a idea.

 

Xavier veu á escola este pasado mes de xaneiro para supervisar o fin de obra e agasallounos unha bonita porta de ferro deseñada a xogo co edificio.

Rosa puxo a primeira pedra e Cristina Fontán visitounos para a inauguración.

E sen a vosa solidariedade, as persoas que colaborades, amizades e familia, esta obra non tería ido adiante. Algunhas axudastes con diñeiro, outras con traballo, moitas con ilusión e os meus camaradas de «Shanga» coas tres cousas. ! Que unha ONG ten moito papeleo!

Antonio, coa súa asociación «Un Prato de Comida» colabora achegando parte do custo dos 700 pratos de comida diarios e, despois de visitarnos hai un par de meses, conseguiu recadar fondos para pechar unha parte da escola por onde entran búfalos e outros animais.

Daniel, sempre está disposto para divulgar o proxecto.

Umesh e máis eu deixámonos a pel na obra, que aquí hai moita chapuza! pero fixémolo a gusto e moi ilusionados.

A mellor recompensa é ver a felicidade destas nenas, que reciben estudos, comida, roupa e a partir de hoxe un fogar.
Mirade as súas cariñas…!

 

Neneta, Pubai 28 de Febreiro