En ShangaIndia sempre xestionamos as doazóns da maneira máis eficaz e transparente posible, os que coñecedes o proxecto e visitastes a escola podedes dar fe disto.

Actualmente estamos a pasar unha época de apuros debido ao encarecemento do prezo dos alimentos, especialmente do arroz e do dal (lentellas) que son a base de alimentación na nosa escola. Os primeiros meses deste ano pagábase de media 175.000 rups, subindo en xullo o importe a 220.000 rups. (máis de 500 €.)

Neneta comentoulle por teléfono a Umesh que se se gastaba tanto non poderíamos saír adiante. A opción de Umesh para adaptarse ao orzamento foi facer o «dalma» (guiso de lentellas e vexetais) moi líquido.

A alimentación do alumnado consiste en comer 3 veces ao día un bo prato de arroz acompañado de «dalma» e se queren merendar dáselles un cunco de cereais.

Cando Neneta chegou á escola a finais de outubro, caíanselle as bágoas vendo como 300 persoíñas comían o guiso totalmente augado, agradecendo o que se lles daba, xa que nos seus fogares das tribos só comen «Mandia» que se fai cun tipo de cereal moído e fervido con moita auga.

Os nenos e as nenas comían dese xeito desde mediados de agosto, cando se decidiu comprar menos cantidade de alimentos para compensar a subida de prezos.

Cada mes hai 3 partidas de gastos:
1– ARROZ 3.200 Kg. custaba 28 rups/kg, agora 40 rups.

2– COMESTIBLES: Lentellas, aceite, especies e cereais. Lentellas estaban a 90 rups.Kg, agora a 160 rups. (comprábanse 180 kg, agora 130 kg.), as especies subiron un 20 por cen (pagábanse 8000 rups., agora 11.000)

3-VEXETAIS: Patacas 25 paquete de 25 kg.(6.250 kg) custaban 16.250 rups. agora 18.750). Cebolas: 100kg. pasaron de 30 a 50 rups., cómprase a metade (50 kg.), berenxenas 100kg. antes 20, agora 40, cómprase a metade, repolo 200kg. de 30 a 50 (cómpranse 100 kg.) . Cabaza, papaia… o mesmo.

Esta é a situación, co agravante de que aos nosos traballadores ao custarlles mais a comida teríamos que subirlle algo o salario e non imos poder. Sempre queda a opción de reducir o número de alumnos e o picnic anual que todos esperan ansiosamente, pero antes hai que tentalo. Por iso pedímosvos un esforzo para evitar ter que facelo. Os que poidades achegar unha doazón ou subir a que tedes estupendo, e os que non, que falen do proxecto de ShangaIndia ás súas amizades e familiares remitíndolles á páxina web e as redes sociais da escola. Grazas de antemán polo esforzo e esperemos que non teñamos que reducir o número de nenos/as o próximo curso.

Neneta e Umesh están a buscar axuda na India. Despois de contactar cun delegado do goberno de Odisha, cabe a posibilidade de que subvencionen unha parte da comida.

ShangaIndia