Namaskar

Saímos de Puri na acolledora compaña de Butú e Umesh. Fomos atravesando por estrada unha paisaxe rural na que se debuxaban amplas chairas con cultivos de arroz, palmeiras e plataneiros. Humildes casopas con tellados de palla aparecían de cando en vez; algunhas vacas e bois moi preto das vivendas, mulleres e homes aseándose nas pucharcas ou pequenas lagoas.

No meu pensamento ensártanse estas imaxes visuais con aquela outra información que posúo e que me chegou ó longo destes derradeiros anos en Galiza. Percibo unha sociedade moi primitiva, con grandes carencias no máis fundamental, na que me consta existe a presión dos caciques locais instalados na explotación, en contra do que representa evolución, cultura.En contra da realidade espléndida e consistente que é a escola "María Soliña".

O último tramo, percorrémolo camiñando. A escola amósase como unha construción sinxela e coidada. Unha roda de carro é un detalle construtivo ornamental, propio da rexión de Orissa, que decora o edificio en diferentes lugares. Toques de cor azul, vermello, branco. en zócalos, escaleiras, porches.alegran o conxunto.

Os nenos e nenas da escola saen a recibirnos efusivos e cálidos con minúsculos ramiños de frores.Esta avalancha de vida, faime pensar naqueles outros nenos e nenas das nosas escolas galegas que coñezo moi ben por mor da miña actividade profesional no ensino público. Nesta escola fálase oria, a meirande parte dos cativos e cativas van descalzos, moitos deles tiñan a barriga inchada por comer só arroz fermentado ( o problema superouse cunha alimentación axeitada). Para eles poder ir a escola é o mellor agasallo.

Sentinme privilexiada por poder convivir cos nenos e nenas de "María Soliña" un par de días, puiden observar como se atenden nela os pequenos detalles. Unha comida cociñada con esmero por Ram e Tuni, moi ben presentada, que ten como base arroz con dal (variante de lentellas) e guarnicións variadas: dátiles, berenxenas, coliflor, cabazo, pataca, tomate.En Orissa, unha parte da poboación é vexetariana.

É doado comprobar o seu excelente comportamento nas clases, a cordialidade coa que se relacionan, como se axudan e a autonomía coa que se desenvolven na realización das tarefas cotiás de aseo persoal e outras responsabilidades como lavar a súa bandexa da comida ou a súa roupiña. A escola "María Soliña" semella máis ben un fogar.

Pola anoitecida, os meniños e meniñas que quedan a durmir - arredor de noventa - fan ioga e cantan á luz do candil . Neste intre envólvenos unha atmosfera de serenidade e harmonía que non esquecerei. Despois, van durmir enriba de esteiras espalladas polo chan. Algúns buscan a calor da amizade e estréitanse. A noite que pasamos con eles repartimos mantiñas para a estación fría que está a chegar. Tamén plantamos buganvíleas de varias cores, un xasmín, unha adelfa e unha champa.

En toda esta dinámica de escola-fogar hai un enorme traballo de supervisión, contratación de persoal, tarefas burocráticas, novas necesidades, imprevistos (á marxe do traballo pedagóxico).Este labor que non cesa é levado a cabo por Umesh con dedicación, ilusión e agarimo á xente miúda da escola. É evidente que para el esta actividade é algo máis que un traballo remunerado. Dende que cheguei, Umesh, encargado do proxecto en Orissa e responsable designado por "Shanga", atende a todo, está en todo.Él e Neneta, con tal sintonía que parece que as veces sobran as palabras, van tomando decisións, analizando, concretando.

Dende finais de 2004 que empezou a construción da escola, moito se avanzou. O ano 2005 xa funcionaban dúas aulas, agora mesmo son xa cinco (240 nenos e nenas). Proximamente ampliarase a escolarización a partir de sexto curso ata chegar ó décimo.

Este proxecto solidario é unha mostra do que pode a tenacidade e o esforzo. Foi viable porque principalmente un par de persoas coidaban que era posible, Neneta e Umesh. Asemade unha corrente de solidariedade, na maioría galega, fíxoo realizable.

Aínda queda traballo por facer: depurar a auga contaminada por abonos químicos, obter electricidade, facer a Casa de Acollida, aterrar zonas húmidas exteriores do recinto escolar, aumentar sanitarios e duchas, ampliar a escolarización a nenos maiores, mellorar os recursos...

Pero estou convencida que este proxecto ten unha forza propia que o fai imparable: Un presente máis feliz e a procura dun futuro para Asha, Lipú, Kuni, Purna, Rubí, Rajá, Jasmita, Kirán, Gaetri, Pradesh, Rinki. Espero que o vexamos.

Mayte Herrero - Decembro de 2008


ShangaIndia, 2010      C.I.F: G36500031

diseñado por bimbio